Friday 17 de May de 2024

En marcha as obras de acondicionamento do centro sociocomunitario de Sergude


 

Os traballos, cun orzamento de 202.000 euros, estarán finalizados en primavera

O Concello de Boqueixón xa ten en marcha as obras de acondicionamento do futuro centro sociocomunitario de Sergude. “Con esta actuación, a veciñanza poderá dispoñer dun local no que desenvolver todo tipo de actividades, especialmente aquelas dirixidas á poboación da terceira idade”, indica o alcalde, Manuel Fernández Munín.

O rexedor tamén lembrou que este proxecto é posible grazas á aportación de 200.000 euros por parte da Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, virtude dun convenio de colaboración asinado por ambas as dúas entidades para desenvolver os traballos. O prazo de execución dos traballos é de seis meses, polo que “se prevé ter todo rematado en primavera”.

As obras comprenden arranxos tanto na planta baixa coma no semisoto. Un dos principais obxectivos desta actuación é facer o inmoble totalmente accesible. Deste xeito, estase a levar a cabo unha nova distribución e acondicionamento dos aseos para persoas de mobilidade reducida. Tamén se realizará a substitución das portas da planta baixa para dotalas dunha anchura libre maior de 80 centímetros, especialmente pensadas para o paso de cadeiras de rodas.

Na actualidade, estase a desenvolver a substitución do falso teito por un novo con aillamento. O proxecto contempla, ademais, a reposición das fiestras por outras de dobre acristalamento e con rotura de ponte térmica. Unhas actuacións que se verán reforzadas coa nova instalación de climatización tanto na planta baixa coma no semisoto.

Por outra banda, o proxecto tamén contempla a habilitación de paneis móbiles en ambos andares. Deste xeito, poderanse crear espazos independentes con superficies distintas e adaptadas a distinto tipo de actividades, que se poderán desenvolver ao mesmo tempo.

Finalmente, contémplase a creación dun espazo exterior cuberto na entrada principal do edificio co fin de mellorar o acceso ao futuro centro sociocomunitario nos días de mal tempo.